1
Unha nena espía a Nai Teresa
Libro de recreacións, segunda recreación (1585). María chámase «Graza» e conversa con «Xusta».
[...] cobizosas de ver algo do que entendiamos que Deus facía con ela, mirabámola algunhas veces por entre a porta da súa cela, onde se encerraba, e viámola arroubada, e eu, cos meus propios ollos, vina algunhas veces, de onde saía con moito disimulo, que xa sabes, irmá, que recatada foi sempre e con canta cautela encubría as grandezas que o Señor lle comunicaba. [...] Neste tempo chamoume o Señor á vida relixiosa, vendo e tratando a nosa Nai e as súas compañeiras, as cales movían as pedras coa súa admirable vida e conversación. E o que me fixo ir tras delas foi a suavidade e a gran discreción da nosa boa Nai. E creo verdadeiramente que, se os que teñen oficio de achegar almas a Deus usasen da traza e maña que aquela santa usaba, achegarían moitas máis das que achegan; que, como o noso natural é inclinado a buscar contento e a fuxir do traballo, pintar a virtude e o que é servizo de Deus áspero e dificultoso é atemorizar os febles que non probaron que suave é o padecer por Cristo.
Libro de recreacións, segunda recreación.
Chegado que foi aquel día ditosísimo para min, en que o Señor me sacou de Exipto e vin á vida relixiosa, andando nos vinte e dous anos, día do glorioso san Gregorio Nacianceno, a quen desde aquel día teño por meu pai e refuxio, que foi no ano de mil cincocentos setenta, a nove de maio, non poderei dicir, carísima irmá, o contento que desde aquel punto o Señor me deu, e ata o día de hoxe nin por primeiro movemento me pasou polo pensamento arrepentirme nin ter descontento; antes ben, era tan grande a alegría que tiña na alma que moitas veces non podía disimular o riso.
3
«Gobernar unha alma, gobernar un mundo»
Consellos que dá unha priora a outra (1590-1592). Os títulos dos apartados deste tratado son do editor.
É gobernar unha alma gobernar un mundo, que así lle chaman ao home: «mundo abreviado». [...] Será boa prelada a que nada perdoa? Non, por certo. Será boa prelada a que nada castiga? Non, por certo. Será boa prelada a que sempre é piadosa? Non. Será boa prelada a que sempre é rigorosa? Non. [...] Oh, que artificio e ciencia é o de gobernar extremos, e ha de ser un prelado brando e rigoroso, vingativo e perdoador, xeneroso e escaso, manso e colérico, sufrido e impaciente, simple e malicioso, apresurado e tardío! E parece que se algo disto falta se desconcerta o reloxo. [...] E así será se non hai discreción, que ela compón todas estas partes e fai que cada unha sirva ao seu tempo e se aplique segundo a necesidade; e sen discreción todo o dito, aínda que se teña, non só non é de proveito, mais aínda danará, porque non servirá máis que de ter moitas armas con que ofender, postas en man dun tolo. Porque usará do rigor cando conveña brandura, e perdoará cando haxa de castigar, e chagará cando haxa de sandar.
4
Carta dunha pobre e presa descalza
Escrita en 1593, desde o seu encerro, ás súas irmás e fillas, «que por vela así estaban aflixidas».
Non sei, carísimas irmás e fillas miñas, se, dando lugar á paixón e tenrura de muller, acompañar as vosas bágoas, ou, seguindo a luz do corazón, queixarme do voso sentimento, pois non se compadece, en lei da estreita amizade que nos temos, que choredes vós polo que eu rio, nin formedes queixas de quen me fai beneficios. [...] Mais volvo preguntarvos, carísimas: Por que vos turbades? Ignorades, por ventura, a gloria e a riqueza da tribulación, ou parécevos cousa nova e non usada nos fillos de Adán ser aflixidos?
[...] E volvendo ao meu ben, pídovos, queridas fillas, que non vos pese de verme aquí encerrada, nin vos aflixades de que estean pechadas todas as portas dos medios humanos para a miña liberdade, [...] pois aquel que o pode remediar non está ausente. El mírao e consénteo, e aínda por ventura se alegra de verme, por ver a nosa paciencia; con el podedes falar; a el me podedes presentar e con el me poderedes favorecer. [...] Eles [os santos presos] entre crueis inimigos, eu entre piadosas irmás; eles en cárceres infames, eu nun recanto do ceo onde con tanta piedade son visitada do anxo que me deron por garda. [...]
E por se ela viñese antes de que eu saia deste cárcere, quero que saiban as miñas amadas fillas e caras irmás que morro contenta dicindo o que dixo o meu glorioso pai san Gregorio Nacianceno: Entón me verei vingada, cando se salven os que me perseguen. Así sexa. Amén. [...] Orade, carísimas, por esta vosa irmá e serva, María. Laus Deo.
Ramallete de mirra (1595), comentario ao versículo do Cantar dos Cantares 1, 12.
Ramallete de mirra é o meu Amado para min; poreino entre os meus peitos. Que é isto, esposa santa? Ramallete de mirra amarga chamades ao Amado? [...] Mirade que non é o Esposo da condición de Adán, que haxades de ir con el a comer da mazá doce, senón que é Cristo Xesús, que paga esa dozura coa amargura e o tormento da cruz; e se a man de esposas lle habedes de dar, o cravo ha de xuntala coa súa. É Esposo de sangue. [...] As súas galas son escarnios; as súas honras, oprobios; os seus agasallos, azoutes; as súas músicas, blasfemias; o seu manxar, fel; a súa coroa, espiñas. [...]
Oh meu bo Señor! Non é moito que sexades vós mirra para nós, pois nós vos fomos fel, e gustándoa Vós, quixestes quitar das fillas de Eva o sabor da mazá que a nosa nai comeu. Oh, que feliz e benaventurada é a esposa para quen sodes mirra posta entre os peitos; e quen saberá dicir canto deleite e dozura hai nisto que ten nome de amargo!
«Pide aos seus ollos bágoas» (Toledo, 1562).
Se algún ben me habedes de facer,
ollos, ha de ser chorar;
porque me alegra o pesar
e me entristece o pracer.
Non vos espantedes deste gusto,
nin o xulguedes estragado:
porque poño o meu coidado
en buscar pena e desgusto.
«Xa toda do Amado» (Malagón, 1571).
Do mundo e a súa linguaxe xa non hai cousa
que me cause alegría, porque é vano:
só de ofender estou medrosa
o meu doce Xesús, Rei soberano,
porque a vida xa me é enoxosa,
e toda dilación é inhumano
tormento, cárcere duro: aprisionada
tenme do meu ben tan apartada.
Mais cando a alma xa chegou ao seu centro
onde fai o amor asento, e acendida
en amoroso lume, nun momento
transfórmaa o amor que lle dá vida,
fóra de si con alto entendemento,
no divino abrazo recibida,
di: Meu doce Amado, xa son vosa,
abrace a miña cabeza a vosa destra.
«Non teño coidado». Resurrección de 1593, no cárcere conventual de Lisboa (Portugal).
Pois o meu Redentor resucitou,
da miña liberdade non teño coidado.
De velo glorioso estou eu contenta,
breve é esta vida, e de pouca conta.
O premio quería que fose aventaxado,
da miña liberdade non teño coidado.
Non é razón que soe hoxe pranto e xemido,
pois ledo vemos o noso Querido.
Do sono da morte hoxe ergueuse,
da miña liberdade non teño coidado.
Postrada entrégolle todo o corazón,
tome o meu Señor libre posesión.
Que este ben só sempre anhelei,
da miña liberdade non teño coidado.